Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Frades mellora a accesibilidade ao edificio multiúsos colocando un novo pavimento na súa contorna


O Concello de Frades vén de colocar un novo pavimento no exterior do edificio multiúsos para mellorar a accesibilidade a unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza, en especial en datas sinaladas coma estas que se achegan do Nadal. Unhas obras incluídas no proxecto de mellora da accesibilidade no multiúsos de Cimadevila, adxudicado por 59.348 euros a Construcciones José Lagares SL e que conta cunha subvención da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia.

As obras consistiron no acondicionamento do pavimento exterior do multiúsos, nivelándoo e garantindo unha maior accesibilidade mediante o estendido dun novo pavimento de formigón impreso. “Deste xeito evitaremos riscos de tropezóns e esvaróns ás persoas que fan uso destas instalacións e que van dende nenos pequenos que acoden coas súas familias a actividades lúdicas ata a persoas maiores que veñen aos cursos de formación, por non falar da mocidade que visita a biblioteca, a sala de estudos ou a aula de informática”, apunta Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Obras.

Accesibilidade ao MUFRA

Nas próximas semanas procederase a instalar un ascensor que dea acceso a persoas con mobilidade reducida á primeira planta do centro multiúsos, onde se emprazarará o Museo da Cultura e Tradicións de Frades (MUFRA), que sería unha ampliación do actual Museo de Apeiros de Labranza. Será un elevador eléctrico, sen cuarto de máquinas, cunha cabina dun metro de ancho e 1,25 metros de profundidade xa que o espazo existente non permite un de maiores dimensións.

Con esta actuación, o Concello de Frades completa o equipamento do edificio multiúsos, onde se xuntan servizos como a biblioteca municipal, a sala de estudos, a aula de informática con 16 ordenadores con conexión a Internet a alta velocidade, unha aula para cursos formativos (con capacidade para entre 15 e 25 persoas), outra aula para actividades con capacidade para ata 100 persoas (e que se pode dividir en dúas salas independentes) e o MUFRA, un espazo museístico de vocación transversal enmarcado nun proxecto máis amplo xa posto en marcha polo Concello, “A Herdanza do Pasado”, que se desenvolverá nos próximos anos para dotar a Frades dun museo institucional.